31.12.07

Feliz 2008


Balbordo deséxavos un 2008 con moita lingua...

Crónica de atletismo (e unhas poucas fotos máis)

O martes día 18 pola mañá, ás 9:55, un autobús de Galisur chegou á porta do instituto e a primeira en subir foi (¿como non?) Camila, que a pobre co seu pé escaiolado non se apaña. A viaxe en bus foi curtiña: durou vinte minutos dado que chegamos ás 10:15. Facía un frío polar. ¡¡¡Era horrible!!! Pero , veña: ó que estamos.
Ó chegar sentáronnos nas bancadas e empezaron a chamarnos para dividirnos. Normal, eramos moitos: os do Terra de Turonio –tódolos primeiros– e os do noso instituto –tódolos primeiros tamén–. Fixemos cinco grupos, cada un de cadansúa cor. Todo isto sentados nas bancadas.
Despois entramos no circuíto e cada grupo foi a unha actividade. Eran cinco:
· salto de lonxitude
· triple salto
· lanzamento de xavelina
· lanzamento de peso
· carreira de cambios
Cando tódolos grupos as pasaron fixemos unha proba de velocidade ou, mellor dito, varias, porque fixemos unha selección dos máis rápidos. ¡¡¡Era moi divertido velos correr!!!
Foi unha experiencia divertida pero, se pretenden que volvamos, ¡¡¡cómpre levar calefacción!!!

Sabela Vilar. 1º A ESO.


30.12.07

Crónicas de Montecastelo




A excursión ó Montecastelo foi moi divertida porque vimos moitas paisaxes bonitas e cando chegamos á cima puidemos almorzar e xogar. Os únicos inconvenientes foron que os camiños eran estreitos, cheos de pedras e tamén de silvas, moi longos e todo costa arriba para amolar, pero paréceme lóxico que sexa costa arriba porque era unha “subida” ó monte, non ó revés.
Estando arriba xogamos a coller a corda uns por un extremo e outros polo outro, neste caso nenas contra nenos. O xogo consistía en ver cal dos dous equipos lle gañaba ó outro facendo que pasase da liña que había no medio. Por se a alguén lle interesa saber quen gañou, que saiba que foron as nenas a primeira vez e tamén no desquite; despois os profesores mesturaron nenas e nenos e foi moi divertido. A continuación os que quixeron subiron ó miradoiro e os outros quedaron xogando e falando.
Cando marchamos fomos polo camiño máis longo, que esta vez era costa abaixo, como é lóxico; este camiño tiña anacos que eran estreitos, e anacos cheos de pedras e de silvas, e iso facíao un pouco incómodo para os nosos pés. Tivemos que cruzar unha estrada, situación un pouco complicada porque estabamos situados nunha curva e pasaban moitos automóbiles e co barullo que formabamos non se escoitaba nada.
Cando chegamos ó instituto o primeiro que fixemos foi sentarnos porque estabamos moi cansos. A continuación déronnos as notas e marchamos.
En resumo, pasámolo moi ben, aínda que ó día seguinte seguramente teriamos maniotas de camiñar desde as 9:30 ata case as 15:00.
Foi unha boa idea ir.

Noelia Martínez. 2º C ESO.

A nosa excursión comezou no instituto; camiñamos polo monte durante unha hora e media ata chegar á cima; foi esgotador pero valeu a pena porque , ó chegar arriba, víase unha paisaxe preciosa e mesmo se vía o mar.
Unha vez arriba e despois de comer, todos comezamos a divertirnos, iso si, de distintos modos. Uns xogabamos a tirar pola corda, mozos contra mozas, e gañamos as mozas; outros xogaban ó fútbol, e outros simplemente falaban cos seus compañeiros.
Despois de facer unha foto, puxémonos a camiñar outra vez, pero esta vez ata a escola. Camiñar de volta foi aínda máis esgotador pero, cando chegamos, sentiámonos recompensados por saber que camiñaramos ata o Montecastelo.

Sheila Díez. 2º C ESO.

23.12.07

20.12.07

Semana dos Dereitos Humanos




A semana do 10 ao 16 de decembro co gallo do Día Internacional dos Dereitos das Persoas, que foi o pasado luns 10 de nadal, celebráronse diversos actos no instituto: unha charla para o alumnado de 4º de E.S.O dunha representante de Amnistía Internacional, outra para os alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato a cargo de Ignacio Pérez Méndez, que falou da situación do Pobo Saharauí e outra para 2º de Bacharelato do cooperante Carlos Sánchez Prado, que falou da situación de Palestina. Tamén houbo unha exposición realizada polos alumnos de 1º e 2º de E.S.O no patio central e proxectáronse dúas películas: Hotel Rwanda, para o alumnado de 3º de E.S.O e Salvador, para o de 4º. Finalmente, celebrouse unha nova sesión do Club de Lectura Auga da Laxe coa visita de Fran Alonso para falarnos do seu libro Cartas de amor.
Teresa Méndez (4º ESO A)

19.12.07

Atletismo (unhas poucas fotos)

Velaquí unhas poucas fotos da xornada atlética do alumnado de 1º de ESO dos IES de Gondomar na Universidade o pasado martes 18. Van camiño de converterse en estrelas olímpicas!!


16.12.07

Un tren cargado de misterios











O pasado sábado, na Biblioteca Pública de Gondomar, nenos e nenas montaron nun tren cargado de misterios cun maquinista excepcional: Agustín Fernández Paz. Velaquí algúns momentos desta primeira sesión do Club de Lectura para lectores e lectoras de 7 a 11 anos.

Montecastelo


Velaquí a "foto de familia" da saída a Montecastelo co alumnado de 2º de ESO o pasado venres día 14.

4.12.07

The Homens, pop en galego


Era necesario un grupo de pop fresco e enerxético en galego. O seu disco Tres navega entre as suaves melodías e o balbordo das guitarras, mesturando punk, ritmos bailables e estrofas que te engancharán e que non poderás deixar de cantar...Longa vida a The Homens!!!. Xa podes descargar aquí todas as súas cancións.