16.6.10

E máis zapatillas(2)

Máis de 50 pares de zapatillas de deseño exclusivo en galego están penduradas nas paredes e columnas do noso instituto. Velaquí unha mostra antes da votación para decidir as zapatillas gañadoras.


13.6.10

Gústanme as flores do toxo

Gústanme todas as flores do toxo. Por exemplo, estas de Lalo, de 4º ESO A, en forma de zapatilla.



As noites de verán de Lusca


Lusca é o pseudónimo co que se presentou ao concurso a última finalista, Antía, tamén de 3º ESO A. Parabéns!


Título: Noites de verán
Pseudónimo: Lusca
Identidade: Antía González García

Reflectida na
lúa a túa cara.
Noites de verán.

Ao son dos grilos,
cos ollos nas estrelas.
Noites de verán.

Gozar lendo,
no meu xardín sen teito.
Noites de verán.

Soan os Beatles,
a pedra segue quente.
Noites de verán.

Seica non sabes?
Que ben se está sen frío.
Noites de verán.

Desexos contemporáneos de Vivaldi


Penúltimo poemario finalista. O autor é Brais, de 3º ESO A. Velaquí o texto e unha foto do poeta.


Título: Desexos contemporáneos de Vivaldi
Pseudónimo: Anónimo
Identidade: Brais Araújo Otero

Ondas do mar
Barquiños a navegar
Calor de verán

Flores e pole
Insectos a voar
Cor primaveral

Frío e neve
Animais a invernar
Rúas baleiras

Camión, árbore…
Haiku mal deseñado
Faltan ideas

Follas que caen
Ledicia, colorido
Uns mesiños máis

10.6.10

A mirada dun humano

Este é o título do poemario de Jose Ramón Fernández, de 3º ESO. A foto supoño que xa vos soa e José Ramón non está difícil de atopar.



Título: A mirada dun humano
Pseudónimo: Jota
Identidade: José Ramón Rodríguez

Un raio de luz.
Unha rosa desfeita.
Un desacougo.

O bosque seco,
os animais mortos.
Moito medo vai.

No calafrío
encóntrase a paixón.
Ganas de vivir.

Morre de fame.
O mundo non o mira.
Hipocrisía.

Unha aparición
é mesturada co ser.
Namoramento.

9.6.10

Noite de verán

Aquí tedes a Noite de verán de Alicia. A foto é do día que Leo apareceu por sorpresa na súa clase.


Título: Noite de verán
Pseudónimo: Miss Lunatic
Nome: Alicia Grandío Arbiol, de 3º PDC

Vento de primavera.
Tarde de solpor.
Enchen o meu corazón.

Na cereixeira
Remuíño de vento.
Tempo colexial.

Chuvias de inverno.
Gotas de auga batendo.
Melancolía.

Esta música
Que corre polas veas
É a miña vida.

Nenos pequenos,
Tardes de verán e cor,
Risas e amores.

A noite é a vida nocturna
Da xuventude, diversión,
Fumar e pasalo ben,
Nada máis beber.

A posta do sol
No mar métese e
O amencer da noite aparece.

Ama en secreto,
Chora en silencio,
Que o amor dun día non dura moito tempo.

Na cascada sentes
Caer a auga como
Auga dos teus ollos entre
Os meus pensamentos.

O dragón escuro


O dragón escuro presentou dous poemarios ao 1º Concurso de Haikus do Val Miñor. O segundo deles quedou finalista. Velaquí o tedes. E tamén unha foto do dragón.

Título: II
Pseudónimo: Dragón escuro
Nome: Matías Nicolás Gómez Díaz-4º ESO B


El pensa na paz
está engaiolado
dinlle Mandela


Hitler observa
o demo visitouno
debe pagarlle


A nai chorando
o seu fillo non está
dorme na guerra


Que fermosura
ela é o meu mundo
sempre a amei


Os sen corazón
xente sen sentimentos
incomprendidos


Neno que chora
pobre pai que non dorme
pero quéreno

8.6.10

A miña vila

Aquí vos ofrecemos un fermoso poemario de Marta Fernández Carneiro, de 4º ESO B. Acompañámolo dunha foto da poeta.


Título: A miña vila
Pseudónimo: A veiga do liño
Nome: Marta Fernández Carneiro

A vida segue
os paxaros chirlan
corre a auga.

Veiga do liño
venderon as Cubanas
que mala venda!

Rasca que rasca
ó can pícanlle as pulgas
move a pata.

Moven os marcos
sácanse as machadas:
morte na vila.

Óese o vento
o liño estrágase
que imos facer?

Máis zapatillas

Aquí vai outra entrega dos modelos exclusivos Auga da Laxe 2010.









7.6.10

Gothic Haikuray


Este é o curioso pseudónimo co que se presentou ao concurso de haikus Daniel Diego Suárez, de 4º ESO A. Velaquí o seu estupendo poemario e unha foto.


Título: Poemas con amor
Pseudónimo: Gothic Haikuray
Nome: Daniel Diego Suárez

I
A primavera,
namorada sempre
do seu verán.

II
Son tres irmáns,
suxeitos polas mans,
traendo rosas.

III
A carón túa,
síntome xuvenil,
querida lúa.

IV
Dúas palabras,
que significan todo,
quérote, amor.

V
Os raios de sol,
e os teus cabelos,
rías de ouro.


Cartas sen fin


Outro dos finalistas do concurso de haikus(e van tres). Vai tamén unha foto do finalista(o do medio con camiseta branca) á entrada do auditorio de Gondomar un pouco antes de coñecerse os resultados do concurso.

Título: Cartas sen fin
Pseudónimo: Rudess
Nome: Gonzalo Rodríguez Alonso 4º ESO B

O Solpor:
Vermellas nubes
Que cando a lúa chega
O sol afoga.

Queridos fascistas:
Santa Compaña
De rifles e inxustizas
Paseo da morte.

As casas baleiras:
Ti pecha os ollos
Mira as persianas baixas
El morre ó frío.

Ós capitalistas:
Comprádeo todo
Ata que o pobo esperte
Sangue e moedas.

Simplemente E.V.:
A carón de ti
Que fortes son os soños
Que forxa o amor.

6.6.10

O marabilloso haiku de Basi


Así, como na foto, debía estar Basi no momento no que as fadas da inspiración lle axudaron a escribir este fermosísimo poema de tres versos que recibiu unha mención especial como un dos mellores haikus individuais. Velaquí a foto e o haiku.

As follas das árbores
caen mortas polos
disparos do outono
Basilio Pazos 3ºESO PDC

Cousiñas


Aquí tedes o segundo dos textos finalistas do concurso de haikus. Deixámosvos tamén unha foto de Elena(é a terceira empezando pola dereita) con amigos e amigas no pasado p.i.lin.g. en Cíes.

Título: Cousiñas
Pseudónimo: Silvia Pérez
Nome: Elena Crespo Fernández 3ºESO B

As nubes vanse
e o ceo queda só
esperándoas.

Os paxariños
din que falan cantando
pero é chorando.

Terra mollada
vento xeado na casa
morriña e pena.

Pasa o tempo
cae a folla vermella
virá outra nova.

Negra, vermella
maruxiña pequena
gran voadora.

Por ti

Por ti
Por ti, trocou miña vida por ti
todo é distinto dende que estás aquí
casi lembro a primeira vez que te vin
e é curioso que co tempo confiaras en min
Agora formas parte de min
é molesto se me esquezo cando te coñecín
agora somos por fin inseparabeis e sin ti
non sabería vivir, ti dime como vivir
Sen poderme expresar, ti me ensinache a cantar
o son do teu alalar, ti me ensinaches o mar
e aprendín a rimar,
e aprendín a crear, e aprendín a amar
Quixo o destino xogar
e eu deixeime levar
e quen o ía dicir que eu mesma ía contar
a miña vida en papel, agora podo soñar
Nunca aborrezo de ti
e adoezo eu si me separo de ti
gústame ouvir o teu son, podo sentir cada ton
quero crear a ilusión de que ti estás ao carón, de min
cada suspiro é unha inspiración
e é o teu latexar que segue o beat da canción
co tempo te coñecín, agora estamos aquí
ti formas parte de min, eu formo parte de ti
Ven aquí e faime soñar
que en soños podo voar, está a maxia no ar
e as notas poden soar, e o vento pode zoar
no soño eu podo contarte o que adoito calar e
Non sei o que será de ti,
pero eiquí te terei, siga ou non xunto a ti
eu vivo con ilusión descoñecendo o confín
e escribo esta canción por si te esqueces de min
AID Cantante de rap


Este é o texto e canción de rap que a cantante Aíd aportou para a campaña Orgullosos do galego que promove a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de Galicia da que este centro forma parte. Rosa Aneiros, Carlos Negro, Marilar Aleixandre, Jorge Mira, Paula Carballeira ou Kiko Dasilva tamén quixeron poñer o seu gran de area con debuxos e textos todos fermosísimos. Se queres acceder a algúns dos textos ou escoitar a canción, preme aquí. Por certo, preparádevos para unha sorpresa de final de curso porque Aíd estará no instituto nos últimos días de curso para facer un obradoiro de hip hop.

4.6.10

As primeiras zapatillas











Si, xa están aquí as exclusivas, únicas e fermosísimas zapatillas con deseño galego. Acaban de saír ao mercado os primeiros modelos. Velaquí as primeiras fotos. A que están chulas?

2.6.10

A visita de Leo







Unha marabillosa sorpresa. Quen lle ía dicir a Sabela que o libro que lle faltaba llo ía vir entregar Leo en persoa durante a clase de educación física?. E cunha marabillosa dedicatoria en forma de haiku. Os outros gañadores: Basilio, Alicia e Belén tamén recibiron a visita de Leo. Moitas grazas, Leo! Velaquí algunhas fotos do encontro inesperado.