24.5.11

Novas parellas lingüísticas

Dani e Xiana


Katya e Marta



Rebeca e Marta


Aquí tedes as fotos de 3 novas parellas lingüísticas formadas por alumnado de bacharelato. Nos próximos días teremos tamén dúas novas parellas de nais, pais e profes.

23.5.11

Obradoiro de bolsos, mochilas e fundas







Deixámosvos aquí unhas cantas fotos do marabilloso resultado das fundas de libros, dos bolsos e das mochilas que o alumnado do EDL e o de plástica de 4º e 1º bach. elaborou coa axuda e as explicacións de María Almazán, deseñadora que acaba de inaugurar non hai moito en Gondomar unha tenda de roupa feita con tecidos ecolóxicos e de reciclaxe. Grazas, María!

22.5.11

Acto de entrega dos premios do Concurso de Haikus do Val Miñor

Sabela Vilar e Enrique Crespo, de 4º ESO, con dúas mencións honoríficas, e Elena Crespo, tamén de 4º ESO, cun 3º premio, foron recoñecidos polos poemarios presentados á segunda edición do Concurso de Haikus do Val Miñor que organizan conxuntamente os ENDL e os departamentos de Lingua Galega dos centros de secundaria. Parabéns! Velaquí unhas fotos dos gañadores do Val e do instituto. Nos próximos días publicaremos tamén os seus poemarios.





21.5.11

Compromisos IN

Até o 1 de xuño hai de prazo para que a comunidade escolar Auga da Laxe faga o seu compromiso IN coa lingua. A maneira de facelo é ben doada: asinades un contrato co coordinador do EDL deixando por escrito o pequeno gran de area que cada un e cada unha de vós estades dispostos a poñer para que a situación da lingua mellore ao voso arredor. Ademais, por participar, entraredes nun gran sorteo de camisetas no recreo do día 1 de xuño. Animádevos!

19.5.11

Elaboración do informe para o Proxecto Ríos

Despois da saída efectuada o pasado 7 de abril e na que se fixo unha limpeza e análise do treito do río Miñor que vai desde a Ponte do Matadeiro até a Ponte das Ánimas, quedaba por elaborar o informe que nos vindeiros días se enviará aos encargados do Proxecto Ríos. Para redactar o devandito informe reuniuse unha pequena comisión que estaba composta por Pura (bióloga), Anxo (coordinador do EDL Balbordo) e Martín Pintos e Gabriela Legaspi (alumnos). Velaquí unha foto que deixa constancia do feito.

16.5.11

Primeira parella lingüística do Voluntariado Auga da Laxe pola Lingua

Rosana, nai dunha alumna de 4º de ESO, e Ramona, nai dunha alumna de 1º de bacharelato, son a primeira parella lingüística que se formou para levar a cabo o proxecto Voluntariado Auga da Laxe pola Lingua. Esta actividade consiste en xuntar unha persoa que fale o galego habitualmente con outra que quere mellorar o seu dominio porque habitualmente non o emprega. Rosana e Ramona terán que concertar tres citas de aquí a final de curso para, dunha maneira relaxada e tranquila, falar en galego. Paseos, cafés, visitas a exposicións son algunhas das posibilidades entre as que poden escoller. Cando remate o curso xa nos contarán que tal foi a experiencia. De momento, dámoslles as grazas por dar o paso e desexámoslles uns felices encontros lingüísticos.


15.5.11

IN coa nosa LINGUA

O pasado venres 13 de maio presentamos no instituto unha nova campaña para animar ao uso da Lingua. O lema escollido é "IN coa nosa LINGUA". Con ela pretendemos chamar a atención sobre a necesidade de poñer de moda, de crear tendencia co galego. Hai que conseguir que esteamos IN en galego. Como apoio a esta proposta o alumnado do EDL Balbordo gravou un anuncio e deseñou unhas chapas coas que agasallaron ao resto da comunidade escolar. A primeiros de xuño haberá un sorteo para regalar algunhas camisetas a aqueles e aquelas que nos vindeiros días asinen algún compromiso realista co galego.

14.5.11

20 anos dos ENDL

Hai 20 anos que se iniciou a andadura dos ENDL. Para celebrar tan destacada efeméride o EDL Balbordo preparou unha pequena exposición destes 20 anos no instituto. Moitas actividades e tamén moitas dificultades pero o desexo firme de loitar por poñer o galego no lugar onde ten que estar. Mil primaveras máis para o galego!








7.5.11

Visita do EDL de Rianxo

O pasado martes 3 de maio visitounos o EDL do IES Félix Muriel de Rianxo dentro da xornada de intercambio lingüístico que organizamos conxuntamente e que tivo o seu primeiro acto a finais de marzo en Rianxo. Despois dunha benvida no insti de Gondomar, desprazámonos a Baiona para comezar un paseo pola costa desde o Parador até Praia América en Nigrán. Como o tempo acompañou, puidemos xantar na praia, bañarnos, xogar e, sobre todo, compartir xuntos moitas cousas. Velaquí algunhas fotos do encontro (algunhas delas preciosas, por certo).