30.5.10

Néboa escura, claro o sentimento


Sabela Vilar Estévez, de 3º ESO A, que presentou o poemario Néboa escura, claro o sentimento, baixo o pseudónimo de Chocolata, foi a gañadora do 2º premio, correspondente ao IES Auga da Laxe, do 1º Concurso de Haikus do Val Miñor que organizaron conxuntamente os ENDL e os departamentos de Lingua Galega do IES Auga da Laxe, IES Escolas Proval, IES Terra de Turonio e IES Val Miñor. No Auga da Laxe houbo dez poemarios que foron seleccionados como finalistas. Co poemario de Sabela comezamos a publicación deses dez poemarios. Nos próximos días iremos poñendo outros. Velaquí o poemario e unha foto da gañadora.


Néboa escura, claro o sentimento

Vermella e negra
a septempunctata
Voa xoaniña
Nauja verán
sol no atardecer
libre veleiro
Os ollos doces
Meixelas estreladas
Noite de verán
Á espreita
o lobo solitario
Lúa chea
Noite estrelada
Solitario camiñar
Serra da Groba

Noelia é Sandra


Coa repetición desta foto de Marta e Sandra lendo haikus queremos corrixir o erro que tivemos na serie de fotos da semana pasada cando confundimos a Sandra con Noelia. Mil perdóns, Sandra!

25.5.10

24.5.10

P.I.LIN.G. Illas Cíes


97 persoas entre pais, nais, profesorado e alumnado de distintos niveis, celebraron onte un p.i.lin.g.(percorrido de inmersión lingüística en galego) no incomparable marco das Illas Cíes. Tres roteiros ao Monte do Faro, á Pedra da Campá e ao Faro da Porta, dividiron pola mañá o grupo en tres. Logo do xantar, algúns e algunhas preferiron a praia mentres uns cantos acompañados por unha guía do parque fixeron outra camiñada. Velaquí a foto dun dos grupos na Pedra da Campá.

21.5.10

Entrega de premios do Concurso de Haikus







Divertido e marabilloso acto de entrega de premios do 1º Concurso de Haikus do Val Miñor para alumnado de 2º ciclo de secundaria. Nesta 1ª edición participaron alumnos e alumnas de catro centros: IES Auga da Laxe, IES Escolas Proval, IES Terra de Turonio e IES Val Miñor. En total, presentáronse arredor de 130 poemarios. A gañadora do 1º premio foi Patricia Molinos do IES Val Miñor. Sabela Vilar Estévez, de 3º ESO A, gañou o premio ao mellor poemario do Auga da Laxe. Basilio Pazos, Alicia Grandío e Belén Sobrado, de 3ºPDC, recibiron mencións honoríficas por haikus individuais. No acto contamos coa presenza de Leo que nos regalou estupendas cancións cheas de humor e cargadas de intención. Velaquí unhas fotos.

19.5.10

Entrega das herbas de namorar


Onte, mércores, tivo lugar a entrega de case un cento de herbas de namorar. Simbolizan o compromiso de moitas e moitos de vós coa lingua e coa terra. Aquí vos deixamos unha foto de anticipo.

7.5.10

Xa somos case cincuenta!


Abraiado, feliz e desbordado está o equipo Balbordo con tanta herba namorada. Mil grazas a todos e todas: Gabriela, Agustina, Natalia, Irene, Ángela, Lucas, Noelia, Tamara, Sabrina, Jéssica, Mª Jesús, Juan, Carmen, Antonio, Iván, María, Claudia, Patricia, Pablo, Samanta, Ángela, Helena, María, Paula, Álex, Sara, Nerea, Conchita, Chus, Rosa, Alexandra, Raquel, Sabela, Eva, María, Xiana, Clara, Nerea, Gabriel, Irene, Cinthia, Antía, Cristina, Miguel, Agustín, Ramón, Anxo...A ver se chegamos a cen!

6.5.10

Concurso de haikus


Finalizou o prazo para presentar orixinais ao 1º Concurso de Haikus do Val Miñor que organizan conxuntamente os equipos de normalización e os departamentos de lingua galega do IES Terra de Turonio, IES Val Miñor, IES Escolas Proval e IES Auga da Laxe. Agora é o momento dos nervios, das deliberacións e da espera impaciente. O veredicto do xurado constituído por profesorado dos catro institutos coñecerase o próximo 21 de maio no transcurso dun acto que se celebrará no Auditorio de Gondomar e que contará coa actuación estelar de Leo.

5.5.10

P.I.LIN.G. Illas Cíes


Si, estamos que non paramos. O próximo 23 de maio, domingo, imos facer un p.i.lin.g. moi especial: As Illas Cíes agardan por nós. Un marabilloso percorrido en galego polos sendeiros dos faros, un pouco de sol na praia máis fermosa do mundo, un xantar delicioso, un concurso con grandes premios... Non nos digas que aínda non estás na lista!. Se queres vir, apúntate en conserxería. Tes de prazo até o 18 de maio. Está invitada toda a comunidade escolar(pais, nais, profes, alumnado...). A que esperas?

3.5.10

Tuneando zapatillas en galego


Si, mil cousas están a pasar no Auga da Laxe. Cóntovos a última: os alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO están tuneando zapatillas en galego. Preguntarédesvos como se fai iso. Pois é moi sinxelo: unhas zapatillas de tea de distintas cores, unhas pinturas, unha idea arredor do galego, un moito de axuda da profesora de plástica e, no futuro, un deseño exclusivo, único e marabilloso para cada un e cada unha. Seguirémosvos informando...

2.5.10

Unha herba e unha lingua


O ENDL Balbordo regálache unha herba de namorar. Por que? Por moitas razóns: porque é unha planta fermosísima, autóctona, en perigo de extinción, cunha lenda engaiolante...Que non coñeces a lenda?. Pois achégate polo taboleiro de normalización e infórmate. E que tes que facer ti a cambio?. Pois namorarte da herba e da túa lingua, anímaste?