7.5.10

Xa somos case cincuenta!


Abraiado, feliz e desbordado está o equipo Balbordo con tanta herba namorada. Mil grazas a todos e todas: Gabriela, Agustina, Natalia, Irene, Ángela, Lucas, Noelia, Tamara, Sabrina, Jéssica, Mª Jesús, Juan, Carmen, Antonio, Iván, María, Claudia, Patricia, Pablo, Samanta, Ángela, Helena, María, Paula, Álex, Sara, Nerea, Conchita, Chus, Rosa, Alexandra, Raquel, Sabela, Eva, María, Xiana, Clara, Nerea, Gabriel, Irene, Cinthia, Antía, Cristina, Miguel, Agustín, Ramón, Anxo...A ver se chegamos a cen!

6.5.10

Concurso de haikus


Finalizou o prazo para presentar orixinais ao 1º Concurso de Haikus do Val Miñor que organizan conxuntamente os equipos de normalización e os departamentos de lingua galega do IES Terra de Turonio, IES Val Miñor, IES Escolas Proval e IES Auga da Laxe. Agora é o momento dos nervios, das deliberacións e da espera impaciente. O veredicto do xurado constituído por profesorado dos catro institutos coñecerase o próximo 21 de maio no transcurso dun acto que se celebrará no Auditorio de Gondomar e que contará coa actuación estelar de Leo.

5.5.10

P.I.LIN.G. Illas Cíes


Si, estamos que non paramos. O próximo 23 de maio, domingo, imos facer un p.i.lin.g. moi especial: As Illas Cíes agardan por nós. Un marabilloso percorrido en galego polos sendeiros dos faros, un pouco de sol na praia máis fermosa do mundo, un xantar delicioso, un concurso con grandes premios... Non nos digas que aínda non estás na lista!. Se queres vir, apúntate en conserxería. Tes de prazo até o 18 de maio. Está invitada toda a comunidade escolar(pais, nais, profes, alumnado...). A que esperas?

3.5.10

Tuneando zapatillas en galego


Si, mil cousas están a pasar no Auga da Laxe. Cóntovos a última: os alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO están tuneando zapatillas en galego. Preguntarédesvos como se fai iso. Pois é moi sinxelo: unhas zapatillas de tea de distintas cores, unhas pinturas, unha idea arredor do galego, un moito de axuda da profesora de plástica e, no futuro, un deseño exclusivo, único e marabilloso para cada un e cada unha. Seguirémosvos informando...

2.5.10

Unha herba e unha lingua


O ENDL Balbordo regálache unha herba de namorar. Por que? Por moitas razóns: porque é unha planta fermosísima, autóctona, en perigo de extinción, cunha lenda engaiolante...Que non coñeces a lenda?. Pois achégate polo taboleiro de normalización e infórmate. E que tes que facer ti a cambio?. Pois namorarte da herba e da túa lingua, anímaste?

26.4.10

En galego, mil cousas poden pasar...


O título do último premio Merlín, Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández, é o lema escollido para presentar a morea de actividades que arredor do Día das Letras vai organizar o equipo de normalización do instituto. Si, en galego, mil cousas poden pasar: un contacontos de Cándido Pazó, un gran concurso de haikus, unha actuación de Leo, un p.i.lin.g. nas Illas Cíes, unha exposición de zapatillas tuneadas, unha herba de namorar, un compromiso...Estade atentos e atentas. Abride as fiestras da vosa lingua e non teñades medo.

1.11.09

Galicola, sabor para a túa lingua


Moi boa a idea que a Asociación Cultural Fontaira acaba de poñer en marcha: unha bebida de cola galega. Coa colaboración dunha empresa de Vilagarcía e, sen dar a coñecer a fórmula máxica do líquido, lanzou ao mercado 5000 botellas de 33cl como a da foto. De momento, xa hai 60 bares de toda Galicia que a teñen na súa carta. Parece que o sitio máis cercano para nós é Porriño. Parabéns pola iniciativa e longa vida á Galicola! Para máis información, velaquí tedes a súa web.