12.11.11

Vento Lois no Auga da Laxe


Cando nos achegamos ao remate do Ano Lois dedicado ao poeta Lois Pereiro, o EDL Balbordo quere convidarvos a un acto de peche no que alumnado do centro recitará poemas de Lois, asistiremos á estrea da vídeo-creación realizada pola alumna Rebeca Tizón Rey, de 2º de Bacharelato a partir de poemas do libro Poesía de amor e enfermidade e gozaremos co Acústico Lois do marabilloso e inclasificable cantautor punk Leo i Arremecághona. Avisámosvos con tempo para que non o perdades. Anotade na vosa axenda: será o venres 16 de decembro contra as 20.30h no Salón de Actos do instituto(coñecido tamén como Ghar Rock Café Augha da Laxe). A entrada é de balde. Convidade os vosos amigos. Vémonos no Ghar Rock!

8.11.11

A Lingua sabe a pan

Marabilloso lipdub realizado polo colexio Virxe da Saleta de Cea coa música de Sweet home Alabama versionada despois como Miña terra galega por Siniestro Total. Parabéns!

A Lingua sabe a Pan from cpivirxedasaleta on Vimeo.

7.11.11

PILING ao teatro



Si, o próximo venres 18 de novembro imos facer un piling teatral. Será en Tui ás 21.30horas e asistiremos á obra Pelos na lingua, de Talía Teatro. Se estades interesados en asistir, tedes que apuntarvos antes do venres 11 de novembro para poder reservar as entradas. Este é o cartel que anuncia a obra. Animádevos!

Reunión do EDL Balbordo



Este mércores 9 de novembro no recreo teremos a reunión de constitución do EDL Balbordo para o curso 2011-2012. Estades convidados. Temos unha morea de actividades agardando por vós. Aquí vos deixamos a fotografía dun cartel que deseñamos para o equipo.



3.6.11

E outro vídeo máis.

Trátase do que fixemos co gallo da visita das compañeiras e compañeiros do EDL do IES Félix Muriel de Rianxo.


Ollo que este si que pesa (arredor dos 600 MB). Para baixalo preme aquí, colle un libriño e le unhas páxinas até que se complete.


Tamén aproveita para instalar o VLC Player.

IN coa nosa lINgua

Velaquí queda o vídeo feito para na campaña IN coa nosa lINgua.





Se tes unha conexión á rede de pouca velocidade non desesperes: o vídeo é curtiño en tempo pero pesa uns 180 MB e paga a pena agardar por el.






Se queres, instala o reprodutor VLC Player (o que le calquera formato de vídeo).



24.5.11

Novas parellas lingüísticas

Dani e Xiana


Katya e Marta



Rebeca e Marta


Aquí tedes as fotos de 3 novas parellas lingüísticas formadas por alumnado de bacharelato. Nos próximos días teremos tamén dúas novas parellas de nais, pais e profes.

23.5.11

Obradoiro de bolsos, mochilas e fundas







Deixámosvos aquí unhas cantas fotos do marabilloso resultado das fundas de libros, dos bolsos e das mochilas que o alumnado do EDL e o de plástica de 4º e 1º bach. elaborou coa axuda e as explicacións de María Almazán, deseñadora que acaba de inaugurar non hai moito en Gondomar unha tenda de roupa feita con tecidos ecolóxicos e de reciclaxe. Grazas, María!

22.5.11

Acto de entrega dos premios do Concurso de Haikus do Val Miñor

Sabela Vilar e Enrique Crespo, de 4º ESO, con dúas mencións honoríficas, e Elena Crespo, tamén de 4º ESO, cun 3º premio, foron recoñecidos polos poemarios presentados á segunda edición do Concurso de Haikus do Val Miñor que organizan conxuntamente os ENDL e os departamentos de Lingua Galega dos centros de secundaria. Parabéns! Velaquí unhas fotos dos gañadores do Val e do instituto. Nos próximos días publicaremos tamén os seus poemarios.





21.5.11

Compromisos IN

Até o 1 de xuño hai de prazo para que a comunidade escolar Auga da Laxe faga o seu compromiso IN coa lingua. A maneira de facelo é ben doada: asinades un contrato co coordinador do EDL deixando por escrito o pequeno gran de area que cada un e cada unha de vós estades dispostos a poñer para que a situación da lingua mellore ao voso arredor. Ademais, por participar, entraredes nun gran sorteo de camisetas no recreo do día 1 de xuño. Animádevos!

19.5.11

Elaboración do informe para o Proxecto Ríos

Despois da saída efectuada o pasado 7 de abril e na que se fixo unha limpeza e análise do treito do río Miñor que vai desde a Ponte do Matadeiro até a Ponte das Ánimas, quedaba por elaborar o informe que nos vindeiros días se enviará aos encargados do Proxecto Ríos. Para redactar o devandito informe reuniuse unha pequena comisión que estaba composta por Pura (bióloga), Anxo (coordinador do EDL Balbordo) e Martín Pintos e Gabriela Legaspi (alumnos). Velaquí unha foto que deixa constancia do feito.

16.5.11

Primeira parella lingüística do Voluntariado Auga da Laxe pola Lingua

Rosana, nai dunha alumna de 4º de ESO, e Ramona, nai dunha alumna de 1º de bacharelato, son a primeira parella lingüística que se formou para levar a cabo o proxecto Voluntariado Auga da Laxe pola Lingua. Esta actividade consiste en xuntar unha persoa que fale o galego habitualmente con outra que quere mellorar o seu dominio porque habitualmente non o emprega. Rosana e Ramona terán que concertar tres citas de aquí a final de curso para, dunha maneira relaxada e tranquila, falar en galego. Paseos, cafés, visitas a exposicións son algunhas das posibilidades entre as que poden escoller. Cando remate o curso xa nos contarán que tal foi a experiencia. De momento, dámoslles as grazas por dar o paso e desexámoslles uns felices encontros lingüísticos.


15.5.11

IN coa nosa LINGUA

O pasado venres 13 de maio presentamos no instituto unha nova campaña para animar ao uso da Lingua. O lema escollido é "IN coa nosa LINGUA". Con ela pretendemos chamar a atención sobre a necesidade de poñer de moda, de crear tendencia co galego. Hai que conseguir que esteamos IN en galego. Como apoio a esta proposta o alumnado do EDL Balbordo gravou un anuncio e deseñou unhas chapas coas que agasallaron ao resto da comunidade escolar. A primeiros de xuño haberá un sorteo para regalar algunhas camisetas a aqueles e aquelas que nos vindeiros días asinen algún compromiso realista co galego.

14.5.11

20 anos dos ENDL

Hai 20 anos que se iniciou a andadura dos ENDL. Para celebrar tan destacada efeméride o EDL Balbordo preparou unha pequena exposición destes 20 anos no instituto. Moitas actividades e tamén moitas dificultades pero o desexo firme de loitar por poñer o galego no lugar onde ten que estar. Mil primaveras máis para o galego!








7.5.11

Visita do EDL de Rianxo

O pasado martes 3 de maio visitounos o EDL do IES Félix Muriel de Rianxo dentro da xornada de intercambio lingüístico que organizamos conxuntamente e que tivo o seu primeiro acto a finais de marzo en Rianxo. Despois dunha benvida no insti de Gondomar, desprazámonos a Baiona para comezar un paseo pola costa desde o Parador até Praia América en Nigrán. Como o tempo acompañou, puidemos xantar na praia, bañarnos, xogar e, sobre todo, compartir xuntos moitas cousas. Velaquí algunhas fotos do encontro (algunhas delas preciosas, por certo).















7.4.11

Proxecto Ríos co EDL Balbordo










Hoxe estivemos colaborando co Proxecto Ríos de control de diferentes tramos dos ríos galegos. O EDL Balbordo, en concreto, encargouse dun tramo de 500 metros do río Miñor ao seu paso por Gondomar entre a Ponte da Paradela e o Ponte das Ánimas. Foi unha xornada moi interesante pois, ademais de facer unha serie de controis sobre o estado das augas(nitritos, ph, osíxeno, temperatura), valor patrimonial do tramo, especies de flora e fauna, etc, aproveitamos a visita para facer unha pequena limpeza do tramo. Foi realmente sorprendente todo o que alí atopamos: varias rodas, ventás, táboas, ferros varios, unha tarteira, un teléfono inalámbrico, un pivote dos que impiden aparcar na beirarrúa,... En fin, unha verdadeira pena. En calquera caso, a nós serviunos para sensibilizarnos no coidado do noso entorno máis próximo. Aproveitamos tamén o encontro para xantar todos xuntos e gravar un anuncio para unha campaña da que vos daremos conta moi pronto... Velaquí algunhas fotos dos e das intrépidas que limparon o río, dos analistas de augas,... Por certo, moitas grazas desde aquí a Pura, bióloga, que nos axudou e nos explicou como tiñamos que facer.


30.3.11

Intercambio con Rianxo

Velaquí unhas cantas fotos que deixan constancia do marabilloso día de encontro co EDL do IES Félix Muriel de Rianxo. Chover, choveu moito pero as nosas ganas de intercambiar, coñecer outros lugares fermosos como as Dunas de Corrubedo e, sobre todo, compartir experiencias con outros rapaces e rapazas fixeron a xornada inesquecible. Agardamos con impaciencia o 3 de maio, día no que Rianxo virá coñecer as terras do Val Miñor. Até entón, aquí queda esta mostra