1.11.09

Galicola, sabor para a túa lingua


Moi boa a idea que a Asociación Cultural Fontaira acaba de poñer en marcha: unha bebida de cola galega. Coa colaboración dunha empresa de Vilagarcía e, sen dar a coñecer a fórmula máxica do líquido, lanzou ao mercado 5000 botellas de 33cl como a da foto. De momento, xa hai 60 bares de toda Galicia que a teñen na súa carta. Parece que o sitio máis cercano para nós é Porriño. Parabéns pola iniciativa e longa vida á Galicola! Para máis información, velaquí tedes a súa web.

29.6.09

O marcapáxinas de María...


O ENDL Balbordo, en colaboración con Plástica, convocou unha proposta para elaborar un marcapáxinas identificativo do equipo. A idea debía estar relacionada coa lingua e ser orixinal. Despois de duras deliberacións, decidimos que Converse en galego. Camiña co galego. era a que máis nos gustaba. A gañadora foi María Reigosa, de 1º ESO. Xa temos os marcas no insti. Se queredes algún, só tedes que pedilo. Velaquí vos deixamos o deseño. Orixinal, non si?

E a camiseta de Ana...


Non forma parte da serie de imaxes sobre camisetas en galego que puxemos hai un tempo, pero é, probablemente, unha das máis orixinais e fermosas. Seguro que calquera dos deseñadores de camisetas se pelexarían porque formase parte da súa colección. É obra de Ana Moliner, de 1º de Bacharelato. Velaquí a tedes. Que opinades?

24.6.09

Déixate mollar.

Aquí vai o outro anuncio. Molládevos, molládevos!.

23.6.09

Abre a fiestra. Non teñas medo.

Velaquí o primeiro dos anuncios realizados polo ENDL con alumnado de todos os niveis. Moitas grazas a todos eles e elas pola súa colaboración. Xa sabedes, as linguas suman. E en galego tamén estamos no mundo.

9.6.09

As linguas suman. Campaña da Coordinadora Galega de ENDL

Cremos interesante reproducir aquí o tríptico que a CGENDL elaborou sobre a importancia das linguas. Un documento para a reflexión. Se queres coñecelo, preme aquí.

8.6.09

A chuvia nunca volve cara arriba

Foi unha historia que comezou cunha canción de Pedro Guerra. O profe de educación física preparou unha coreografía co alumnado de 1º ESO. E logo, Chus, a de plástica, completou o movemento, o baile e o ritmo co vestiario (ou sexa, máis camisetas). Estas son as que fixo o alumnado de 1º ESO. Bonitas tamén, non si?.


7.6.09

Outros blogs de ENDL (2)


AS GABARRAS

O IES de Breamo ten un marabilloso caderno de bitácora: AS GABARRAS. O nome fai referencia a unhas pequenas embarcacións, de fondo xato e construción sólida, que se usan para carga e descarga nos portos e para transporte de mercadorías pola costa. E tamén, dunha maneira simbólica, nos fala da necesidade de levar a lingua por todos os recunchos, compartíndoa, vivíndoa, amándoa...Por certo, grazas amigos e amigas de Breamo, por facernos presentes no voso sitio.

4.6.09

Obradoiro de camisetas en galego

Velaquí unha pequena mostra das camisetas elaboradas no obradoiro de camisetas en galego feito no instituto. Moitas grazas a Chus, do departamento de plástica, pola colaboración. Están bonitas, a que si?


16.5.09

Encontro Sant Just-Auga da Laxe en Santiago




Organizado polo ENDL Balbordo tivemos onte o encontro co alumnado catalán do IES Sant Just que está estudando galego como optativa. Un grupo de alumnos e alumnas do Auga da Laxe estiveron intercambiando correos en galego ao longo do ano como unha experiencia de aprendizaxe e convivencia. O lugar escollido para encontrarnos foi a marabillosa cidade de Santiago. Houbo tempo para todo: recibimento institucional na Xunta, visita aos tellados da Catedral, xantar, paseo polo Casco Vello,...e novas amizades catalanas que falan galego. Velaí unhas fotos que deixan constancia do momento.

1.5.09

Marabillosa noite de P.I.LIN.G.


Non hai imaxes. Había que estar alí para poder contalo (e son oitenta as e os privilexiados). O certo é que, a pesar dos nove graos de temperatura, quedamos marabillados con Saturno, cos cráteres da Lúa, con Xéminis,...Moitas grazas aos e as compoñentes da agrupación astronómica Rías Baixas por unha noite tan especial no monte Alba. Prometemos repetir!

26.4.09

P.I.L.I.N.G. das estrelas


Este próximo xoves día 30 pola noite, se o tempo o permite, imos facer un P.I.L.I.N.G. diferente: imos ver as estrelas. Para tal ocasión, contaremos coa presenza de varios dos integrantes da agrupación astronómica Rías Baixas que ás 8 da tarde no salón de actos do insti nos explicarán unhas cantas cousas para podermos gozar mellor da observación. Logo, ás 10 da noite, partiremos todos e todas cara ao Monte Alba onde cuns telescopios de gran alcance imos poder ver a lúa, a constelación de Orión e uns cantos planetas. Se queredes vir, só tedes que apuntarvos na conserxería do insti. Estade atentos a un posible aprazamento por mor do mal tempo (nese caso tentariamos facela o 15 de maio, venres). Agardámosvos!

14.3.09

Planeta de ENDL


Presentámosvos unha nova e excelente idea: unha páxina que se actualiza constantemente volcando nun mesmo espazo artigos de bitácoras e webs de todos os ENDL de centros escolares galegos e engadindo sitios con novas relacionadas coa lingua. Parabéns ao CPI Aurelio M. Rei García de Cuntis pola iniciativa. Por certo, nós tamén formamos parte deste planeta. Se queres coñecelo, preme aquí.

1.3.09

Os dous amigos


Roger de Flor pode ser unha das sensacións deste ano. Nesta canción cóntanos a historia real de Luis Maquieira, poeta e artesán, e do trobador coñecido como o Marqués de Viñas. Colaboran no vídeo María e Carolina de Faltriqueira. Recomendable tamén a súa canción Cogumelos. Mágoa que non teña moito máis repertorio en galego.

23.2.09

Carta á Serra da Groba


Baiona de Miñor, 14 de febreiro 09.-
Querida Groba:
Escríboche nestas follas de pasta de papel de “arcolito” galego para dicirche que no sábado, este mesmo, hoxe, fomos nenas, nenos, meniños, meniñas, mociños, mociñas, mestras, mestres, pais, nais e toda raza que quixo vir connosco botarlle unha ollada ás túas terras arboradas e ardidas.
Témosche que dar as grazas polo moito que nos deches na mañá e na tarde sabatina. Ademais Miguel, Nerea, Duna, Sara, Dani e o mozo Xilberte explicáronnos as pegadas das mulleres e homes que pasaron, suaron, lidaron, plantaron, colleitaron, gravaron, enterraron, pariron, choraron, cazaron lobos, montaron burras, asaron sardiñas, asexaron piratas no horizonte, prenderon fogueiras nos fachos, beberon augas nas fontes, regueiras e ulleiros.
Estivemos no teito, no nacemento da Regueira dos Lavazidos, debaixo do Alto da Lebre, pé do Montouto preto da Poza Negra nai da Regueira Escura, contribuínte do Río da Groba.
Estivemos no embigo do mundo, na Cruz de Pau onde se xuntan os homes das aldeas das burras da Groba, onde corisca, pasa o lobo da terra para o mar, onde soterraron hai 6000 anos, onde caprichosa a serra verte augas ó Atlántico, á Baía de Baiona, ó pai Miño.
Estivemos na laxe gravada, na laxe escrita, na Laxe Cruzada onde os máis pequerrechos escribían, calcaran a mellor arte gravada do mundo.
E logo O Foxo Pedriño explicado en Galicia, bilingüe en galego e valencià, foron Duna e os llops.
E logo fomos cara A Beirada da Groba por onde baixan A Regueira do Niño do Corvo que nace da Fonte Salgueiro, e da Regueiriña de Entre as Chans e da Regueira da Boca da Groba que se funden na Cara Batallada fervedura de augas.
Xa trepáramos no poema da poesía, trepáramos pola beira da Meniña das Chans, Traspadornelo, A Regueiriña do Valo, no Peito do Meixón Verde, na Regueira das Taramelas, no Campo das Mozas, no Campo de Poxeiros.
Trepamos no verso toponímico.
Trepamos no pé das Malladiñas,
por baixo da Cal, da Fonte do
Corisco, no Campo da Florinda
ou da Balbina e ollamos de
lonxe A Burgueira Vella.

Xosé Lois Vilar

15.2.09

14.2.09

P.I.LIN.G. na Groba


Despois de varios intentos, por fin puidemos celebrar o primeiro P.I.LIN.G. do curso. Un día marabilloso acompañounos pola Serra da Groba onde visitamos mámoas, petróglifos e un foxo do lobo. Máis de cincuenta persoas entre pais, nais, alumnado, profesorado e outra xente interesada en coñecer a riqueza paisaxística, arqueolóxica, etnográfica e natural, xuntámonos ás dez da mañá no instituto para emprender camiño e compartir unha xornada de natureza e lingua. Contamos, ademais, coas explicacións de Xosé Lois Vilar e Xilberte Manso, membros do Instituto de Estudos Miñoranos, e de Duna, Nerea, Sara, Miguel e Dani, rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO. En fin, un verdadeiro luxo. Aí vos queda a foto de familia.

6.2.09

P.I.LIN.G. versión 2.0

Aí vai unha nova versión de cartel un pouco máis traballada. Parece que despois do temporal que agardamos para o luns, o tempo vai ir a mellor. Podemos soñar cun bo día para o próximo sábado día 14. Agardámosvos!

5.2.09

P.I.LIN.G. na Serra da Groba


Finalmente e despois de consultar os mapas metereolóxicos unha chea de veces, parece que imos ter unha tregua a mediados da semana que vén. Con todo o arriscado que pode parecer vistos o vento, a chuvia e o pedrisco destes últimos días, imos facer o P.I.LIN.G. o próximo sábado día 14 de febreiro. Haberá autobús gratuíto e xantaremos en Chan da Lagoa. Apuntádevos en conserxería e, se sodes alumnado, pedide unha autorización para traela asinada de casa. Polo demais, agardámosvos para gozar dunha xornada especial falando en galego nun lugar marabilloso.

20.1.09

O primeiro trimestre de 1º da ESO


No primeiro trimestre do curso, o alumnado de 1º ESO vimos dúas películas: unha muda, no instituto, e outra, en Baiona, que se chamaba Los seis signos de la luz. Tamén fixemos unha pancarta o 25 de novembro, Día da Violencia de Xénero, para berrar ben forte que o que nos gustan son os bos tratos. Cada un de nós fixemos un autorretrato e logo os xuntamos e puxemos en letras ben grandes: 25-N Día dos bos tratos. En decembro, fomos ao Marco, en Vigo, e vimos unha exposición de arte e maxia. Finalmente, elaboramos un traballo para relixión relacionado co Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.


Enviado por Bruno (1º ESO)

12.1.09

Preparando o P.I.LIN.G.(2)




Na xornada de preparación do PILING do próximo 7 de febreiro, tivemos tempo de aprender moitas cousas e incluso de xogar. Así, a propósito do descubrimento arqueolóxico duns muíños naviculares, aconteceu o seguinte: Xosé Lois contoulle a nova a un alumno/a e este a outro/a e así sucesivamente...Queredes saber o resultado final? Velaquí o tedes.
1º) Xosé Lois a Alumno/a 1: "Son muíños naviculares de soporte fixo nos que se moían cereais e parece que tamén sustancias psicotrópicas: droga. Hainos entre Caminha e Cangas, no Morrazo, con dúas excepcións en Carnota e A Golada. Teñen uns 6000 anos..."
2º) Alumno/a 1 a Alumno/a 2: "Son uns muíños que servían para moer cereais e cilicotina que era unha especie de droga e foron feitos hai 6000 anos..."
3º) Alumno/a 2 a Alumno/a 3: "Un muíño navicular é onde se moía o cereal e unha especie de droga que estaba no Morrazo en Cangas..."
4º) Alumno/a 3 a Alumno/a 4: "Os muíños naviculares moen millo e unha droga que se chama...algo que acaba en tina e que se dá en Cangas do Morrazo..."
5º) Alumno/a 4 a Alumno/a 5: "O muíño verdicular sirve para recoller droga que se chama optimus..."
6º) Alumno/a 5 a Alumno/a 6: "O muíño verdicular pode moer trigo e millo e é como unha droga..."
7º) Alumno/a 6 a Alumno/a 7: "Un muíño verdicular pode moer trigo e millo e é como unha droga..."
8º) Alumno/a 7 a Alumno/a 8: "O muíño nervicular pode moer trigo e millo e pode quedar como unha droga..."
9º) Alumno/a 8 a Alumno/a 9: "O muíño verde é como un colar que se o tomas é como unha droga..."
Curioso, verdade?

10.1.09

Preparando o P.I.LIN.G.(1)







Este sábado estivemos preparando o P.I.LIN.G. á Serra da Groba do próximo 7 de febreiro. Para iso, un grupo de alumnos e alumnas de 1º e 2º ESO estiveron toda a mañá aprendendo un feixe de cousas sobre mámoas, foxos, petroglifos, curros, toponimia,...Eles e elas serán os e as guías da saída por esta marabillosa Serra ameazada pola instalación dun parque eólico. Contamos para a ocasión coa excepcional axuda de dous membros do Instituto de Estudos Miñoranos: Xosé Lois Vilar e Xilberte. Ide reservando a data pois poremos autobuses e ao remate faremos un xantar en Chan da Lagoa (todo iso se a climatoloxía non nos é adversa). Como constancia do traballo, aí van algunhas fotos...

9.1.09

Intercambio con Sant Just Desvern


Velaquí a foto do alumnado do instituto que está a realizar o intercambio lingüístico en galego con estudantes de 2º ESO da optativa de galego do IES Sant Just Desvern. Eles e elas son: Victoria, Marta, Cris, Andrea, Álex, Sheila, Noelia, Arián e Marina. Moita sorte e xa contaredes¡