22.11.07

A lingua é teatro


Queredes conseguir unha entrada para ver o próximo día 1 de decembro ás 22.30h no Auditorio de Gondomar a obra Spot de Vichelocrego Teatro? Balbordo sortea dúas entradas!! Participar é moi sinxelo: só tedes que deixar un comentario en galego co voso nome e curso ao pé desta nova recomendando unha obra, animando a ir ao teatro ou, simplemente, dicindo que queredes entrar no sorteo. Tedes até o xoves día 29. O venres 30 publicaremos neste blog o resultado. Animádevos!

21.11.07

Contacontos no Contomar con Berrobambán

Un conto que nin pintado

Sorpresa!!!
Hai días nos que parece que todo se torce, nada sae ben e calquera xogo acaba sendo aburrido desde as bolas ata a “play”.
Pero, e se topásemos nunha caixa todo o preciso para facer un libro? E como se fai un libro? Para facer un libro precisabamos dunha historia e duns debuxos que a ilustren ou precisabamos duns debuxos acompañados dunha historia. Era así ou ó revés?
Pero nun día torto coma este, ningunha idea parece querer sair das nosas cabezas, por iso imos xogar a facer moitas historias tentando unir tan só tres palabras; extraterreste, auga e branco
e a ti cantas se che ocorrerían?.

Coñeces nenos e nenas de 3 anos en adiante?. Pois non deixes de convidalos este luns, 26 de novembro, ás 6 da tarde, á Sesión Especial de Contacontos do Contomar, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Van fartar a rir con Berrobambán!

Galiza-Catalunya de fútbol feminino, en Nadal, en Vigo


Será o día 27 de decembro, en Balaídos. A Selección Feminina xogará contra Catalunya e a Masculina contra Camerún. Estade atentos e atentas a Balbordo porque algo importante vai acontecer nas vindeiras semanas. Premede aquí se queredes saber máis sobre o deporte galego.

19.11.07

Retranca, humor en galego


Xa está á venda o primeiro número de Retranca, revista de humor en galego que dirixe o ilustrador e debuxante Kiko da Silva. Humor para repasar a actualidade galega. Nesta ocasión cun especial dedicado ao feísmo arquitectónico. Colaboracións de auténtico luxo para unhas tiras cómicas divertidísimas...Non a perdas!. Se queres saber máis sobre a revista, preme aquí.

Regueifando







O pasado venres 16 de novembro estivemos regueifando con Pinto d´Herbón e Luís Caruncho. En espera da crónica de Teresa e das entrevistas de Marina e Arián, aí van unhas fotos dos mellores momentos...

11.11.07

Imaxes do Primeiro Piling


Velaquí quedan as imaxes do Primeiro Piling, celebrado o sábado 10 de novembro. Participaron unhas corenta persoas que fixeron o percorrido entre a Aula da Natureza do Monte Aloia (antiga Casa Forestal) e o Galiñeiro.







5.11.07

Primeiro Piling


O vindeiro 10 de novembro, sábado, o Equipo de Normalización Lingüística Balbordo do Instituto Auga da Laxe, en colaboración coa ANPA, convídanos ao 1º P.I.LIN.G.(percorrido de inmersión lingüística en galego) que se vai desenvolver desde a Aula de Natureza do Monte Aloia até o Galiñeiro. Esta iniciativa consiste na realización dunha caminada mentres compartimos e falamos en galego. O obxectivo é que a Comunidade Escolar participe de maneira activa na normalización da nosa lingua e, como un primeiro paso, organízase esta Xornada na que todos (os que xa falamos en galego e os que non pero temos sensibilidade cara á lingua e queremos mellorar a nosa capacidade lingüística) faremos unha inmersión de sete horas pensando e comunicando en galego. A rota Aloia-Galiñeiro farémola con moita calma de maneira que teñamos tempo de pararnos e comentar cousas do mundo dos cogomelos (para isto virá connosco unha persoa que entende de micoloxía ) e visitaremos tamén os petroglifos Auga da Laxe que lle dan nome ao noso Instituto. Para rematar, xantaremos no merendeiro do Galiñeiro onde prepararemos uns chourizos, churrasco e castañas. Se vides, traede algo máis para compartir.
A saída será ás 10 da mañá desde o Instituto en autobús ao Aloia. A volta teremos que facela pola nosa conta desde Vincios, ben en coches de nais/pais ou agardando polo Melytour. O custo da actividade será de 2 euros por persoa. Podedes traer aos vosos fillos pequenos (a partir de 7 ou 8 anos poden facela sen problemas). Apuntádevos até o xoves 8 en conserxería para calcular a comida que temos que encargar. Agardámosvos a todos/as. É unha boa ocasión para atoparnos e estarmos doutra maneira todos xuntos.