19.5.11

Elaboración do informe para o Proxecto Ríos

Despois da saída efectuada o pasado 7 de abril e na que se fixo unha limpeza e análise do treito do río Miñor que vai desde a Ponte do Matadeiro até a Ponte das Ánimas, quedaba por elaborar o informe que nos vindeiros días se enviará aos encargados do Proxecto Ríos. Para redactar o devandito informe reuniuse unha pequena comisión que estaba composta por Pura (bióloga), Anxo (coordinador do EDL Balbordo) e Martín Pintos e Gabriela Legaspi (alumnos). Velaquí unha foto que deixa constancia do feito.

16.5.11

Primeira parella lingüística do Voluntariado Auga da Laxe pola Lingua

Rosana, nai dunha alumna de 4º de ESO, e Ramona, nai dunha alumna de 1º de bacharelato, son a primeira parella lingüística que se formou para levar a cabo o proxecto Voluntariado Auga da Laxe pola Lingua. Esta actividade consiste en xuntar unha persoa que fale o galego habitualmente con outra que quere mellorar o seu dominio porque habitualmente non o emprega. Rosana e Ramona terán que concertar tres citas de aquí a final de curso para, dunha maneira relaxada e tranquila, falar en galego. Paseos, cafés, visitas a exposicións son algunhas das posibilidades entre as que poden escoller. Cando remate o curso xa nos contarán que tal foi a experiencia. De momento, dámoslles as grazas por dar o paso e desexámoslles uns felices encontros lingüísticos.


15.5.11

IN coa nosa LINGUA

O pasado venres 13 de maio presentamos no instituto unha nova campaña para animar ao uso da Lingua. O lema escollido é "IN coa nosa LINGUA". Con ela pretendemos chamar a atención sobre a necesidade de poñer de moda, de crear tendencia co galego. Hai que conseguir que esteamos IN en galego. Como apoio a esta proposta o alumnado do EDL Balbordo gravou un anuncio e deseñou unhas chapas coas que agasallaron ao resto da comunidade escolar. A primeiros de xuño haberá un sorteo para regalar algunhas camisetas a aqueles e aquelas que nos vindeiros días asinen algún compromiso realista co galego.

14.5.11

20 anos dos ENDL

Hai 20 anos que se iniciou a andadura dos ENDL. Para celebrar tan destacada efeméride o EDL Balbordo preparou unha pequena exposición destes 20 anos no instituto. Moitas actividades e tamén moitas dificultades pero o desexo firme de loitar por poñer o galego no lugar onde ten que estar. Mil primaveras máis para o galego!








7.5.11

Visita do EDL de Rianxo

O pasado martes 3 de maio visitounos o EDL do IES Félix Muriel de Rianxo dentro da xornada de intercambio lingüístico que organizamos conxuntamente e que tivo o seu primeiro acto a finais de marzo en Rianxo. Despois dunha benvida no insti de Gondomar, desprazámonos a Baiona para comezar un paseo pola costa desde o Parador até Praia América en Nigrán. Como o tempo acompañou, puidemos xantar na praia, bañarnos, xogar e, sobre todo, compartir xuntos moitas cousas. Velaquí algunhas fotos do encontro (algunhas delas preciosas, por certo).















7.4.11

Proxecto Ríos co EDL Balbordo










Hoxe estivemos colaborando co Proxecto Ríos de control de diferentes tramos dos ríos galegos. O EDL Balbordo, en concreto, encargouse dun tramo de 500 metros do río Miñor ao seu paso por Gondomar entre a Ponte da Paradela e o Ponte das Ánimas. Foi unha xornada moi interesante pois, ademais de facer unha serie de controis sobre o estado das augas(nitritos, ph, osíxeno, temperatura), valor patrimonial do tramo, especies de flora e fauna, etc, aproveitamos a visita para facer unha pequena limpeza do tramo. Foi realmente sorprendente todo o que alí atopamos: varias rodas, ventás, táboas, ferros varios, unha tarteira, un teléfono inalámbrico, un pivote dos que impiden aparcar na beirarrúa,... En fin, unha verdadeira pena. En calquera caso, a nós serviunos para sensibilizarnos no coidado do noso entorno máis próximo. Aproveitamos tamén o encontro para xantar todos xuntos e gravar un anuncio para unha campaña da que vos daremos conta moi pronto... Velaquí algunhas fotos dos e das intrépidas que limparon o río, dos analistas de augas,... Por certo, moitas grazas desde aquí a Pura, bióloga, que nos axudou e nos explicou como tiñamos que facer.


30.3.11

Intercambio con Rianxo

Velaquí unhas cantas fotos que deixan constancia do marabilloso día de encontro co EDL do IES Félix Muriel de Rianxo. Chover, choveu moito pero as nosas ganas de intercambiar, coñecer outros lugares fermosos como as Dunas de Corrubedo e, sobre todo, compartir experiencias con outros rapaces e rapazas fixeron a xornada inesquecible. Agardamos con impaciencia o 3 de maio, día no que Rianxo virá coñecer as terras do Val Miñor. Até entón, aquí queda esta mostra