31.12.07

Feliz 2008


Balbordo deséxavos un 2008 con moita lingua...

Crónica de atletismo (e unhas poucas fotos máis)

O martes día 18 pola mañá, ás 9:55, un autobús de Galisur chegou á porta do instituto e a primeira en subir foi (¿como non?) Camila, que a pobre co seu pé escaiolado non se apaña. A viaxe en bus foi curtiña: durou vinte minutos dado que chegamos ás 10:15. Facía un frío polar. ¡¡¡Era horrible!!! Pero , veña: ó que estamos.
Ó chegar sentáronnos nas bancadas e empezaron a chamarnos para dividirnos. Normal, eramos moitos: os do Terra de Turonio –tódolos primeiros– e os do noso instituto –tódolos primeiros tamén–. Fixemos cinco grupos, cada un de cadansúa cor. Todo isto sentados nas bancadas.
Despois entramos no circuíto e cada grupo foi a unha actividade. Eran cinco:
· salto de lonxitude
· triple salto
· lanzamento de xavelina
· lanzamento de peso
· carreira de cambios
Cando tódolos grupos as pasaron fixemos unha proba de velocidade ou, mellor dito, varias, porque fixemos unha selección dos máis rápidos. ¡¡¡Era moi divertido velos correr!!!
Foi unha experiencia divertida pero, se pretenden que volvamos, ¡¡¡cómpre levar calefacción!!!

Sabela Vilar. 1º A ESO.


30.12.07

Crónicas de Montecastelo




A excursión ó Montecastelo foi moi divertida porque vimos moitas paisaxes bonitas e cando chegamos á cima puidemos almorzar e xogar. Os únicos inconvenientes foron que os camiños eran estreitos, cheos de pedras e tamén de silvas, moi longos e todo costa arriba para amolar, pero paréceme lóxico que sexa costa arriba porque era unha “subida” ó monte, non ó revés.
Estando arriba xogamos a coller a corda uns por un extremo e outros polo outro, neste caso nenas contra nenos. O xogo consistía en ver cal dos dous equipos lle gañaba ó outro facendo que pasase da liña que había no medio. Por se a alguén lle interesa saber quen gañou, que saiba que foron as nenas a primeira vez e tamén no desquite; despois os profesores mesturaron nenas e nenos e foi moi divertido. A continuación os que quixeron subiron ó miradoiro e os outros quedaron xogando e falando.
Cando marchamos fomos polo camiño máis longo, que esta vez era costa abaixo, como é lóxico; este camiño tiña anacos que eran estreitos, e anacos cheos de pedras e de silvas, e iso facíao un pouco incómodo para os nosos pés. Tivemos que cruzar unha estrada, situación un pouco complicada porque estabamos situados nunha curva e pasaban moitos automóbiles e co barullo que formabamos non se escoitaba nada.
Cando chegamos ó instituto o primeiro que fixemos foi sentarnos porque estabamos moi cansos. A continuación déronnos as notas e marchamos.
En resumo, pasámolo moi ben, aínda que ó día seguinte seguramente teriamos maniotas de camiñar desde as 9:30 ata case as 15:00.
Foi unha boa idea ir.

Noelia Martínez. 2º C ESO.

A nosa excursión comezou no instituto; camiñamos polo monte durante unha hora e media ata chegar á cima; foi esgotador pero valeu a pena porque , ó chegar arriba, víase unha paisaxe preciosa e mesmo se vía o mar.
Unha vez arriba e despois de comer, todos comezamos a divertirnos, iso si, de distintos modos. Uns xogabamos a tirar pola corda, mozos contra mozas, e gañamos as mozas; outros xogaban ó fútbol, e outros simplemente falaban cos seus compañeiros.
Despois de facer unha foto, puxémonos a camiñar outra vez, pero esta vez ata a escola. Camiñar de volta foi aínda máis esgotador pero, cando chegamos, sentiámonos recompensados por saber que camiñaramos ata o Montecastelo.

Sheila Díez. 2º C ESO.

23.12.07

20.12.07

Semana dos Dereitos Humanos




A semana do 10 ao 16 de decembro co gallo do Día Internacional dos Dereitos das Persoas, que foi o pasado luns 10 de nadal, celebráronse diversos actos no instituto: unha charla para o alumnado de 4º de E.S.O dunha representante de Amnistía Internacional, outra para os alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato a cargo de Ignacio Pérez Méndez, que falou da situación do Pobo Saharauí e outra para 2º de Bacharelato do cooperante Carlos Sánchez Prado, que falou da situación de Palestina. Tamén houbo unha exposición realizada polos alumnos de 1º e 2º de E.S.O no patio central e proxectáronse dúas películas: Hotel Rwanda, para o alumnado de 3º de E.S.O e Salvador, para o de 4º. Finalmente, celebrouse unha nova sesión do Club de Lectura Auga da Laxe coa visita de Fran Alonso para falarnos do seu libro Cartas de amor.
Teresa Méndez (4º ESO A)

19.12.07

Atletismo (unhas poucas fotos)

Velaquí unhas poucas fotos da xornada atlética do alumnado de 1º de ESO dos IES de Gondomar na Universidade o pasado martes 18. Van camiño de converterse en estrelas olímpicas!!


16.12.07

Un tren cargado de misterios











O pasado sábado, na Biblioteca Pública de Gondomar, nenos e nenas montaron nun tren cargado de misterios cun maquinista excepcional: Agustín Fernández Paz. Velaquí algúns momentos desta primeira sesión do Club de Lectura para lectores e lectoras de 7 a 11 anos.

Montecastelo


Velaquí a "foto de familia" da saída a Montecastelo co alumnado de 2º de ESO o pasado venres día 14.

4.12.07

The Homens, pop en galego


Era necesario un grupo de pop fresco e enerxético en galego. O seu disco Tres navega entre as suaves melodías e o balbordo das guitarras, mesturando punk, ritmos bailables e estrofas que te engancharán e que non poderás deixar de cantar...Longa vida a The Homens!!!. Xa podes descargar aquí todas as súas cancións.

30.11.07

E as gañadoras son...


Arián e Marina (2º ESO), Eva (3º ESO), Ana (4ºESO) e Marta (1º Bacharelato) son as gañadoras do Concurso A Lingua é teatro. Que disfruten de Spot, mañá, no Auditorio de Gondomar e que logo nolo conten aquí, en Balbordo, se pode ser. Parabéns a todas!
O próximo Concurso terá que ver co deporte porque A Lingua tamén é deporte. Estade atent@s a este blog, porque en breve haberá novidades!

28.11.07

Entrevista a Pinto d´Herbón e Luís Caruncho


O pasado non tan pasado día 16, viñeron Pinto d´Herbón e Luís Caruncho. Sabedes quen son? Son dous regueifeiros profesionais moi coñecidos. Chegada a hora de aprender no IES Auga da Laxe convidamos estes dous personaxes a ensinarnos. Reunímonos a maior parte de 2º, 3º e 4º no salón de actos. A función empezou cunha presentación, regueifada por Pinto e Luís. Despois continuou cunha explicación da tradición das regueifas. Comenzamos coa práctica do ritmo e, pouco a pouco, fomos facendo cuartetas, que son estrofas de 4 versos de oito sílabas con rima nos pares. Déixaronnos facer unhas cantas estrofas regueifando de proba; ó rematar, nós, Arián e Marina fixémoslles unha breve entrevista e a maioría das respostas déunolas Pinto.

ENTREVISTA A PINTO D´HERBÓN E LUÍS CARUNCHO
1. De onde vén a tradición das regueifas?
-Nas vodas, para repartir a "regueifa", que era un pan, a xente loitaba regueifando; quen mellor o facía tiña a honra de parti-lo pan, e como din que o que parte e reparte leva a mellor parte, o que repartía, o gañador, levaba a mellor parte.
2. Existe algunha técnica especial para regueifar?
-Só ter moi "debullado", dominado, o ritmo e deixarse levar, pero sendo capaces de escoitar e prestarlle atención, moita atención, ó compañeiro, aínda que algunhas veces saia mellor e outras peor.
3. Por que vos chaman así?
-P: Chámanme Pinto d´Herbón, porque teño unha pinta na cabeza, e son de Herbón.
-C: Chámanme Caruncho polo nome da agrupación na que toquei.
4. Como vedes o futuro do galego como lingua?
-Vai depender da xente nova e do que se leve no tempo no que vivimos.
5. Como véde-los regueifeiros de "Auga da Laxe"?
-É xente moi boa pero fáltalle mecánica e práctica e práctica e práctica... Pero teñen unha capacidade moi grande: todo o que queiran facer poden facelo.
6. Por que vos dedicades ás regueifas?
-Porque nos gusta e nos satisfai, sobre todo o público. Gústanos que nos animen.
Arián Lozano e Marina Franco (2º ESO A)

27.11.07

Vivamos como galegos!

Velaquí o vídeo de Gadis, Vivamos como galegos!

24.11.07

Cartas


Si, cartas (ou correos) van comezar a enviar e a recibir 7 alumnas (Sabela, Marina, Arián, Noelia, Marta, Sheila e Victoria) e 3 alumnos (Álex, Rafael e Alejandro) deste Centro de 1º ciclo da ESO . Estes correos acabarán no IES de Sant Just Desvern no Baixo LLobregat onde os lerán dez alumnos de 2º ESO (Gerard, Elena, Pere, Ariadna, Joan, Víctor, Héctor, Guillem, Jan e Aitor) que están estudando galego. Esperemos que destas cartas xurdan grandes amizades. Para ilustrar o que agardamos deste encontro, este suxerente cartel publicitario do Servizo de Correos de Australia. Fermoso, non si?

23.11.07

A primeira sesión de regueifas


O pasado venres día 16 de novembro tivo lugar a primeira sesión de regueifas. A ela asistiron os alumnos de 2ºe 3º de E.S.O xunto cos "veteranos" de 4º. Estes participaron o ano pasado no concurso provincial de regueifas no Centro Cultural de Valadares, que este ano vai celebra-la súa segunda edición. Á sesión tamén asistiron os mestres regueifeiros "Pinto d'Herbón" e "Caruncho", que deron tódalas claves para practicar esta arte. Cando terminaron de explicalas, os alumnos comezaron a escribi-las súas propias coplas, das cales os mestres elexirán os 15 mellores autores. Na segunda sesión acudirán estes 15 alumnos e prepararanse para representarnos no concurso.
Teresa Méndez. 4º ESO

22.11.07

A lingua é teatro


Queredes conseguir unha entrada para ver o próximo día 1 de decembro ás 22.30h no Auditorio de Gondomar a obra Spot de Vichelocrego Teatro? Balbordo sortea dúas entradas!! Participar é moi sinxelo: só tedes que deixar un comentario en galego co voso nome e curso ao pé desta nova recomendando unha obra, animando a ir ao teatro ou, simplemente, dicindo que queredes entrar no sorteo. Tedes até o xoves día 29. O venres 30 publicaremos neste blog o resultado. Animádevos!

21.11.07

Contacontos no Contomar con Berrobambán

Un conto que nin pintado

Sorpresa!!!
Hai días nos que parece que todo se torce, nada sae ben e calquera xogo acaba sendo aburrido desde as bolas ata a “play”.
Pero, e se topásemos nunha caixa todo o preciso para facer un libro? E como se fai un libro? Para facer un libro precisabamos dunha historia e duns debuxos que a ilustren ou precisabamos duns debuxos acompañados dunha historia. Era así ou ó revés?
Pero nun día torto coma este, ningunha idea parece querer sair das nosas cabezas, por iso imos xogar a facer moitas historias tentando unir tan só tres palabras; extraterreste, auga e branco
e a ti cantas se che ocorrerían?.

Coñeces nenos e nenas de 3 anos en adiante?. Pois non deixes de convidalos este luns, 26 de novembro, ás 6 da tarde, á Sesión Especial de Contacontos do Contomar, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Van fartar a rir con Berrobambán!

Galiza-Catalunya de fútbol feminino, en Nadal, en Vigo


Será o día 27 de decembro, en Balaídos. A Selección Feminina xogará contra Catalunya e a Masculina contra Camerún. Estade atentos e atentas a Balbordo porque algo importante vai acontecer nas vindeiras semanas. Premede aquí se queredes saber máis sobre o deporte galego.

19.11.07

Retranca, humor en galego


Xa está á venda o primeiro número de Retranca, revista de humor en galego que dirixe o ilustrador e debuxante Kiko da Silva. Humor para repasar a actualidade galega. Nesta ocasión cun especial dedicado ao feísmo arquitectónico. Colaboracións de auténtico luxo para unhas tiras cómicas divertidísimas...Non a perdas!. Se queres saber máis sobre a revista, preme aquí.

Regueifando







O pasado venres 16 de novembro estivemos regueifando con Pinto d´Herbón e Luís Caruncho. En espera da crónica de Teresa e das entrevistas de Marina e Arián, aí van unhas fotos dos mellores momentos...

11.11.07

Imaxes do Primeiro Piling


Velaquí quedan as imaxes do Primeiro Piling, celebrado o sábado 10 de novembro. Participaron unhas corenta persoas que fixeron o percorrido entre a Aula da Natureza do Monte Aloia (antiga Casa Forestal) e o Galiñeiro.







5.11.07

Primeiro Piling


O vindeiro 10 de novembro, sábado, o Equipo de Normalización Lingüística Balbordo do Instituto Auga da Laxe, en colaboración coa ANPA, convídanos ao 1º P.I.LIN.G.(percorrido de inmersión lingüística en galego) que se vai desenvolver desde a Aula de Natureza do Monte Aloia até o Galiñeiro. Esta iniciativa consiste na realización dunha caminada mentres compartimos e falamos en galego. O obxectivo é que a Comunidade Escolar participe de maneira activa na normalización da nosa lingua e, como un primeiro paso, organízase esta Xornada na que todos (os que xa falamos en galego e os que non pero temos sensibilidade cara á lingua e queremos mellorar a nosa capacidade lingüística) faremos unha inmersión de sete horas pensando e comunicando en galego. A rota Aloia-Galiñeiro farémola con moita calma de maneira que teñamos tempo de pararnos e comentar cousas do mundo dos cogomelos (para isto virá connosco unha persoa que entende de micoloxía ) e visitaremos tamén os petroglifos Auga da Laxe que lle dan nome ao noso Instituto. Para rematar, xantaremos no merendeiro do Galiñeiro onde prepararemos uns chourizos, churrasco e castañas. Se vides, traede algo máis para compartir.
A saída será ás 10 da mañá desde o Instituto en autobús ao Aloia. A volta teremos que facela pola nosa conta desde Vincios, ben en coches de nais/pais ou agardando polo Melytour. O custo da actividade será de 2 euros por persoa. Podedes traer aos vosos fillos pequenos (a partir de 7 ou 8 anos poden facela sen problemas). Apuntádevos até o xoves 8 en conserxería para calcular a comida que temos que encargar. Agardámosvos a todos/as. É unha boa ocasión para atoparnos e estarmos doutra maneira todos xuntos.

2.5.07

Lingu@ de amor



Balbordo avisa da convocatoria do concurso Lingu@ de amor. Trátase dun concurso de mensaxes na Rede, declaracións de amor, no que poden participar todos os mozos e mozas entre 14 e 30 anos. As mensaxes non poderán exceder os 350 caracteres, incluídos os espazos.

As bases, premios e condicións están dispoñíbeis no sitio do Consello da Xuventude de Galicia

10.3.07

Bicos con lingua



Bicos con lingua chega ás 200 representacións. Delas, dúas foron no noso instituto. Agardamos que non sexan as últimas. Parabéns, Talía!

A palabra máis fermosa do galego

Vagalume, bambán, bico, amorodo, andrómena, esquío, donicela, larpeirada, solpor, bolboreta,...Cal é, para vós, a palabra máis fermosa do galego?

2.2.07

Pulpiño Viascón

12.1.07

Balbordo

Balbordo é o Equipo de Normalización Lingüística do IES Auga da Laxe de Gondomar. Este blog está, polo momento, en fase de construción.