Mostrar mensagens com a etiqueta Auga da Laxe. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Auga da Laxe. Mostrar todas as mensagens

29.6.09

O marcapáxinas de María...


O ENDL Balbordo, en colaboración con Plástica, convocou unha proposta para elaborar un marcapáxinas identificativo do equipo. A idea debía estar relacionada coa lingua e ser orixinal. Despois de duras deliberacións, decidimos que Converse en galego. Camiña co galego. era a que máis nos gustaba. A gañadora foi María Reigosa, de 1º ESO. Xa temos os marcas no insti. Se queredes algún, só tedes que pedilo. Velaquí vos deixamos o deseño. Orixinal, non si?

24.6.09

Déixate mollar.

Aquí vai o outro anuncio. Molládevos, molládevos!.

23.6.09

Abre a fiestra. Non teñas medo.

Velaquí o primeiro dos anuncios realizados polo ENDL con alumnado de todos os niveis. Moitas grazas a todos eles e elas pola súa colaboración. Xa sabedes, as linguas suman. E en galego tamén estamos no mundo.

27.1.08

Linguas cruzadas (2)


Linguas cruzadas no IES Auga da Laxe (Gondomar)
21 de xaneiro de 2008


Algunhas opinións dos alumnos e alumnas de 2º Bach...

A min gustoume moito o documental. Eu son unha rapaza que sempre falou galego e estivo ben ver as opinións doutros rapaces da miña idade. Sorprendeume moito a muller coreana que quería aprender galego, pareceume fantástico. Opino o mesmo que algúns rapaces cando dicían que se escoita falar en galego máis aos rapaces que ás rapazas. A verdade é que coñezo moi poucas rapazas que falen galego.

O certo é que a reportaxe me pareceu moi interesante xa que os protagonistas eran xente normal e corrente, sen ningún título. Eu sentinme identificado co grupo dos neofalantes, aínda que xa falo galego desde hai anos.

O documental pareceume moi interesante.Eu son castelán-falante maioritariamente, pero gustaríame falar galego, ser neofalante, aínda que me resulta moi difícil.

Gustoume o documental porque non é o típico no que se mostran datos senón que se reflicte a realidade a través de testemuños reais.

Ver Linguas cruzadas foi unha moi boa experiencia para min. Nunca tiven ningún tipo de prexuízo cara ao galego, todo o contrario, pero ao ver este documental puiden coñecer as opinións doutra xente nova coma min.

Unha das cousas máis interesantes do documental foi que se desen a coñecer grupos musicais en galego. Eu, que escoito moita música, nunca oíra falar de ningún deles e iso non debería ser así porque me pareceron moi bos.

O que máis me gustou do vídeo foi a parte que tiña que ver co ámbito musical xa que a min me gusta moito a música e non coñezo grupos importantes que canten en galego.

Eu identifiqueime co grupo dos rapaces que foron educados en castelán e agora comezan a falar galego, cos que cambian de lingua segundo con quen falen, porque eu intento falar galego cando me falan en galego.

O documental pareceume moi interesante. Eu son castelán-falante e gustaríame empezar a falar galego, pero non encontro ámbitos onde facelo porque na miña casa comigo e co meu irmán falan en castelán e os meus amigos falan en castelán...

Gustoume moito o documental, o malo é que pasou moi rápido.

O documental gustoume, pareceume ben que a xente opinara sobre a súa lingua. Eu identifíqueime coas rapazas que estaban no botellón porque eu falo castelán sempre, pero gustaríame falar galego, por que non?

Sentinme identificada con algunhas persoas que dicían que os seus pais era galego-falantes pero que a eles os educaran en castelán. Ese é o meu caso e, aínda que agora son consciente da conflitividade das dúas linguas e podería falar o galego na casa, o certo é que me custa manter unha conversa natural e fluída nesta lingua.

O que máis me chamou a atención foron os comentarios que fixeron dúas mulleres de que lles prohibían falar galego no traballo. Paréceme incrible que a estas alturas aínda pasen cousas así, eu cría que este tipo de situacións estaban totalmente desaparecidas.

O documental gustoume moito, pareceume moi realista. Sentinme moi identificada coas dúas mozas que dicían que no traballo non lles permitían falar galego. O verán pasado traballei de camareira e a nosa xefa cos clientes non nos permitía falar en galego porque dicía que era unha cuestión de educación.

Gustoume especialmente que se mostrase que hai xente de fóra, como unha moza coreana por exemplo, que aprende a falar galego e que mostra un interese pola nosa lingua que ás veces nós non mostramos.

O documental gustoume moito, sobre todo porque opina a xente nova, que é de quen en realidade depende o futuro do idioma. Eu son castelán-falante e, aínda que me gustaría falar galego, non o fago. Podo ter así unha actitude hipócrita, pero a verdade é que non son quen de poñerme a falalo. Quizais este documental me fixera recapacitar para intentalo, creo que debería poñerse noutros centros educativos, a ver se reflxionamos un pouco.

"Linguas cruzadas" foi realmente interesante. Foi unha sopresa que fose tan ameno, cun enfoque interesante e mesmo un toque de humor que fixo que até os compañeiros que habitualmente "pasan de todo" prestasen atención.

A min pareceume unha reportaxe moi interesante e entretida e creo que reflicte moi ben todos os puntos de vista que existen sobre a nosa lingua. O grupo co que me sentín máis identificada foi o dos rapaces coruñeses xa que eu falo castelán sempre, porque sempre me falaron en castelán. Con todo, valoro moito que teñamos unha lingua propia e gustaríame, de verdade, que en Galicia se falase máis o galego, pero eu polo menos non son quen nestes momentos de dar o paso de cambiar de lingua.

Eu son neofalante, como algúns dos rapaces que aparecen no documental. E debo confesar que as persoas coas que máis me custa falar galego son aquelas que falan sempre esta lingua porque creo que son as que máis notan o meu cambio lingüístico e mesmo as que máis se mofan do asunto.

Gustaríame ser algunha desas persoas que pouco a pouco foron incorporando o galego como lingua natural á súa vida cotiá.

4.1.08

Linguas cruzadas

Perviven os estereotipos que marcan os falantes de galego ou de castelán? Existe conflito por culpa da lingua? Que lle falta ao galego para estar normalizado? Linguas cruzadas é un documental de 50´que afonda na cuestión sociolingüística a través da xente nova, da primeira xeración da historia que tivo o galego como lingua oficial.
Xente de menos de 30 anos que creceu aprendendo galego na escola e escoitándoo na TVG e na RG. Co convencemento de que as experiencias e opinións desta xeración son a clave para entender o estado actual da lingua e os retos para o futuro, o documental recolle as opinións de máis de 35 persoas, centrándose en 5 personaxes que representan outros tantos paradigmas de falantes na mocidade actual.

31.12.07

Crónica de atletismo (e unhas poucas fotos máis)

O martes día 18 pola mañá, ás 9:55, un autobús de Galisur chegou á porta do instituto e a primeira en subir foi (¿como non?) Camila, que a pobre co seu pé escaiolado non se apaña. A viaxe en bus foi curtiña: durou vinte minutos dado que chegamos ás 10:15. Facía un frío polar. ¡¡¡Era horrible!!! Pero , veña: ó que estamos.
Ó chegar sentáronnos nas bancadas e empezaron a chamarnos para dividirnos. Normal, eramos moitos: os do Terra de Turonio –tódolos primeiros– e os do noso instituto –tódolos primeiros tamén–. Fixemos cinco grupos, cada un de cadansúa cor. Todo isto sentados nas bancadas.
Despois entramos no circuíto e cada grupo foi a unha actividade. Eran cinco:
· salto de lonxitude
· triple salto
· lanzamento de xavelina
· lanzamento de peso
· carreira de cambios
Cando tódolos grupos as pasaron fixemos unha proba de velocidade ou, mellor dito, varias, porque fixemos unha selección dos máis rápidos. ¡¡¡Era moi divertido velos correr!!!
Foi unha experiencia divertida pero, se pretenden que volvamos, ¡¡¡cómpre levar calefacción!!!

Sabela Vilar. 1º A ESO.


30.12.07

Crónicas de Montecastelo




A excursión ó Montecastelo foi moi divertida porque vimos moitas paisaxes bonitas e cando chegamos á cima puidemos almorzar e xogar. Os únicos inconvenientes foron que os camiños eran estreitos, cheos de pedras e tamén de silvas, moi longos e todo costa arriba para amolar, pero paréceme lóxico que sexa costa arriba porque era unha “subida” ó monte, non ó revés.
Estando arriba xogamos a coller a corda uns por un extremo e outros polo outro, neste caso nenas contra nenos. O xogo consistía en ver cal dos dous equipos lle gañaba ó outro facendo que pasase da liña que había no medio. Por se a alguén lle interesa saber quen gañou, que saiba que foron as nenas a primeira vez e tamén no desquite; despois os profesores mesturaron nenas e nenos e foi moi divertido. A continuación os que quixeron subiron ó miradoiro e os outros quedaron xogando e falando.
Cando marchamos fomos polo camiño máis longo, que esta vez era costa abaixo, como é lóxico; este camiño tiña anacos que eran estreitos, e anacos cheos de pedras e de silvas, e iso facíao un pouco incómodo para os nosos pés. Tivemos que cruzar unha estrada, situación un pouco complicada porque estabamos situados nunha curva e pasaban moitos automóbiles e co barullo que formabamos non se escoitaba nada.
Cando chegamos ó instituto o primeiro que fixemos foi sentarnos porque estabamos moi cansos. A continuación déronnos as notas e marchamos.
En resumo, pasámolo moi ben, aínda que ó día seguinte seguramente teriamos maniotas de camiñar desde as 9:30 ata case as 15:00.
Foi unha boa idea ir.

Noelia Martínez. 2º C ESO.

A nosa excursión comezou no instituto; camiñamos polo monte durante unha hora e media ata chegar á cima; foi esgotador pero valeu a pena porque , ó chegar arriba, víase unha paisaxe preciosa e mesmo se vía o mar.
Unha vez arriba e despois de comer, todos comezamos a divertirnos, iso si, de distintos modos. Uns xogabamos a tirar pola corda, mozos contra mozas, e gañamos as mozas; outros xogaban ó fútbol, e outros simplemente falaban cos seus compañeiros.
Despois de facer unha foto, puxémonos a camiñar outra vez, pero esta vez ata a escola. Camiñar de volta foi aínda máis esgotador pero, cando chegamos, sentiámonos recompensados por saber que camiñaramos ata o Montecastelo.

Sheila Díez. 2º C ESO.

19.12.07

Atletismo (unhas poucas fotos)

Velaquí unhas poucas fotos da xornada atlética do alumnado de 1º de ESO dos IES de Gondomar na Universidade o pasado martes 18. Van camiño de converterse en estrelas olímpicas!!


11.11.07

Imaxes do Primeiro Piling


Velaquí quedan as imaxes do Primeiro Piling, celebrado o sábado 10 de novembro. Participaron unhas corenta persoas que fixeron o percorrido entre a Aula da Natureza do Monte Aloia (antiga Casa Forestal) e o Galiñeiro.