30.12.07

Crónicas de Montecastelo




A excursión ó Montecastelo foi moi divertida porque vimos moitas paisaxes bonitas e cando chegamos á cima puidemos almorzar e xogar. Os únicos inconvenientes foron que os camiños eran estreitos, cheos de pedras e tamén de silvas, moi longos e todo costa arriba para amolar, pero paréceme lóxico que sexa costa arriba porque era unha “subida” ó monte, non ó revés.
Estando arriba xogamos a coller a corda uns por un extremo e outros polo outro, neste caso nenas contra nenos. O xogo consistía en ver cal dos dous equipos lle gañaba ó outro facendo que pasase da liña que había no medio. Por se a alguén lle interesa saber quen gañou, que saiba que foron as nenas a primeira vez e tamén no desquite; despois os profesores mesturaron nenas e nenos e foi moi divertido. A continuación os que quixeron subiron ó miradoiro e os outros quedaron xogando e falando.
Cando marchamos fomos polo camiño máis longo, que esta vez era costa abaixo, como é lóxico; este camiño tiña anacos que eran estreitos, e anacos cheos de pedras e de silvas, e iso facíao un pouco incómodo para os nosos pés. Tivemos que cruzar unha estrada, situación un pouco complicada porque estabamos situados nunha curva e pasaban moitos automóbiles e co barullo que formabamos non se escoitaba nada.
Cando chegamos ó instituto o primeiro que fixemos foi sentarnos porque estabamos moi cansos. A continuación déronnos as notas e marchamos.
En resumo, pasámolo moi ben, aínda que ó día seguinte seguramente teriamos maniotas de camiñar desde as 9:30 ata case as 15:00.
Foi unha boa idea ir.

Noelia Martínez. 2º C ESO.

A nosa excursión comezou no instituto; camiñamos polo monte durante unha hora e media ata chegar á cima; foi esgotador pero valeu a pena porque , ó chegar arriba, víase unha paisaxe preciosa e mesmo se vía o mar.
Unha vez arriba e despois de comer, todos comezamos a divertirnos, iso si, de distintos modos. Uns xogabamos a tirar pola corda, mozos contra mozas, e gañamos as mozas; outros xogaban ó fútbol, e outros simplemente falaban cos seus compañeiros.
Despois de facer unha foto, puxémonos a camiñar outra vez, pero esta vez ata a escola. Camiñar de volta foi aínda máis esgotador pero, cando chegamos, sentiámonos recompensados por saber que camiñaramos ata o Montecastelo.

Sheila Díez. 2º C ESO.

Sem comentários: