28.11.07

Entrevista a Pinto d´Herbón e Luís Caruncho


O pasado non tan pasado día 16, viñeron Pinto d´Herbón e Luís Caruncho. Sabedes quen son? Son dous regueifeiros profesionais moi coñecidos. Chegada a hora de aprender no IES Auga da Laxe convidamos estes dous personaxes a ensinarnos. Reunímonos a maior parte de 2º, 3º e 4º no salón de actos. A función empezou cunha presentación, regueifada por Pinto e Luís. Despois continuou cunha explicación da tradición das regueifas. Comenzamos coa práctica do ritmo e, pouco a pouco, fomos facendo cuartetas, que son estrofas de 4 versos de oito sílabas con rima nos pares. Déixaronnos facer unhas cantas estrofas regueifando de proba; ó rematar, nós, Arián e Marina fixémoslles unha breve entrevista e a maioría das respostas déunolas Pinto.

ENTREVISTA A PINTO D´HERBÓN E LUÍS CARUNCHO
1. De onde vén a tradición das regueifas?
-Nas vodas, para repartir a "regueifa", que era un pan, a xente loitaba regueifando; quen mellor o facía tiña a honra de parti-lo pan, e como din que o que parte e reparte leva a mellor parte, o que repartía, o gañador, levaba a mellor parte.
2. Existe algunha técnica especial para regueifar?
-Só ter moi "debullado", dominado, o ritmo e deixarse levar, pero sendo capaces de escoitar e prestarlle atención, moita atención, ó compañeiro, aínda que algunhas veces saia mellor e outras peor.
3. Por que vos chaman así?
-P: Chámanme Pinto d´Herbón, porque teño unha pinta na cabeza, e son de Herbón.
-C: Chámanme Caruncho polo nome da agrupación na que toquei.
4. Como vedes o futuro do galego como lingua?
-Vai depender da xente nova e do que se leve no tempo no que vivimos.
5. Como véde-los regueifeiros de "Auga da Laxe"?
-É xente moi boa pero fáltalle mecánica e práctica e práctica e práctica... Pero teñen unha capacidade moi grande: todo o que queiran facer poden facelo.
6. Por que vos dedicades ás regueifas?
-Porque nos gusta e nos satisfai, sobre todo o público. Gústanos que nos animen.
Arián Lozano e Marina Franco (2º ESO A)

Sem comentários: