28.1.08

Linguas cruzadas (3)


O luns 21 tivo lugar a proxección do documental “Linguas Cruzadas” para o alumnado de 2º de bacharelato. O documental, persoalmente, pareceume bastante interesante, e ata me aventurarei a dicir que menos xente da esperada se aburriu durante a súa proxección. Contamos coa presenza dunha das autoras, María Yáñez, coa que mantivemos unha charla tras ver a súa obra.
A charla, como cabía esperar, comezou co silencio de sempre por parte do alumnado, co que María se viu obrigada a falar primeiro. Contounos que evitara entrevistar persoas relacionadas de forma profesional coa lingua porque o que lle interesaba era o que pensaba e falaba a xente de a pé, por dicilo dalgunha forma. Logo, co propósito de animarnos a falar, preguntounos que era o que nos chamara a atención do documental. Por suposto, a resposta foi o silencio. Vendo a situación, Concha viuse obrigada a interceder por nós e comentou unha interesante reflexión que puxera un dos seus alumnos nun traballo: dicía que todas esas persoas que falan castelán e consideran o tema da lingua galega moi importante son uns hipócritas. ¿Crédelo vós así? Hai moitas persoas, reflectidas no documental, que afirmaban que a perda do galego é algo que se debería evitar, que se debería facer máis por el. Incluso unha delas, nas súas diatribas, chegou a afirmar que o que non fala galego non ten identidade. Iso si, todas esas persoas deixaron moi claro que non falaban galego e que non tiñan pensado empezar nun futuro. ¿De verdade son uns hipócritas? Isto animou un pouco o coloquio, chegando a formulárense preguntas como: “¿É verdade que hai máis mozos ca mozas que falan galego?” ou “¿É peor visto que unha moza fale galego porque nela queda peor o falar “montuno” ca nun mozo?” O tema comezou a pórse interesante, pero as preguntas comprometidas non encontraron resposta porque, como sempre acontece nestes casos, nos salvou a campá. Animo os que quedaron coa palabra na boca ese día a que expresen as súas opinións aquí. ¡E que non teñan medo de dicir o que pensan, que non imos acusar a ninguén de hipócrita!
Erea Fabeiro (2º Bach.A)


Sem comentários: